Folk Tale

O pastor e o raposo

Translations / Adaptations

Text titleLanguageAuthorPublication Date
De herder en de vosDutchMaarten Janssen2014
LanguageGalician
OriginSpain

Unha vez era un pastor, e o raposo comíalle as ovellas todas. O pastor xa non sabía como había de facer, así que chamou polo raposo e díxolle:

—Mira, raposo, ti e máis eu non podemos seguir así. Propóñoche un trato.

—¿Que trato é? — preguntou o raposo.

—A ver logo. Eu sei que a ti che gustan máis as galiñas que as ovellas, ¿nonsí?

—Home, para que o vou negar... Pero as galiñas telas gardadiñas na casa, e as ovellas téñoas máis á man no monte.

—Pois mira. Se ti non me comes máis ovellas, eu tráioche da casa un saco cheo de galiñas das máis gordas que teño.

O raposo lambía o fuciño moi contento, pensando nas galiñas, e dixo:

—¡Trato feito! Pero mira ben que mas vaias traer, porque se non mas traes...

—Non te preocupes, ho, que mañá á primeira hora xa as tes aquí.

O pastor marchou para a casa. Á mañá seguinte encheu un saco de cans e volveu ó monte. O raposo xa o estaba agardando, e preguntoulle ó pastor:

—¿Que? ¿Traes aí o que me prometiches?

—¡Traio, ho! Aquí te-las galiñas que che prometín.

E puxo no chan o saco cheo de cans. O raposo achegou o fuciño ó saco para ver se lle ulía ben. E dixo:

—Ai, galiñas serán, pero a min cheirar... ¡chéiranme a can!

Pero o raposo tiña gana de ve-las galiñas, e abriu o saco. Entón os cans botaron a correr atrás del... ¡e disque o raposo aínda está correndo hoxe!


Text view