Folk Tale

O vello farol

Translated From

Den gamle gadelygte

AuthorH.C. Andersen
Book TitleEventyr
Publication Date1847
LanguageDanish

Other Translations / Adaptations

Text titleLanguageAuthorPublication Date
Die alte StrassenlaterneGerman__
Il vecchio lampioneItalian__
El viejo farolSpanish__
The old street lampEnglishH. P. Paull1872
Le vieux réverbèreFrench__
LanguageGalician
OriginDenmark

¿Escoitáche-la historia do vello farol? Non é que sexa moi divertida pero sempre se debe aturar polo menos unha vez. Era un farol tan santiño que desde había moitos, moitos anos prestaba servicio pero agora ía ser desbotado. Aquela era a última noite que estaba alí sobre o poste alumeando na rúa, e atopábase do mesmo humor ca unha vella figurante de ballet que baila a derradeira noite sabendo que ó outro día vai para o rocho. O farol tamén lle temía ó día seguinte porque sabía que o ían levar á sala do concello por primeira vez para ser inspeccionado polos "trinta e seis señores" da cidade que xulgarían se servía para algo ou non. Nese lugar íase decidir se se ía mandar a unha das pontes para alumear alí ou ó campo ou a unha fábrica, aínda que tal vez iría á ferraría para ser fundido e convertido noutra cousa. Se fose así podería chegar a ser calquera cousa, pero atormentáballe non saber se, chegado o caso, conservaría a lembranza de ter sido un farol. De calquera xeito, íase separar do sereno e da súa muller, ós que consideraba por completo a súa familia. El fixérase farol cando o home se fixera sereno. Naqueles tempos, a muller dábase aires; só cando pasaba por diante do farol polas noites miraba para el, pero nunca de día. Sen embargo, estes últimos anos, nos que os tres, o sereno, a muller e mailo farol se fixeran vellos, a muller tamén o coidara, pulira a lámpada e botáralle aceite de balea. Esta parella era xente honesta, que non lle estafara ó farol nin sequera unha pinga. Aquela era a derradeira noite na rúa e ó día seguinte ía á sala do concello; estes eran dous pensamentos escuros para o farol, así que calquera se pode imaxinar como alumeaba. Sen embargo, pola súa mente tamén pasaban outros pensamentos; tiña visto tantas cousas e apetecíanlle tantas cousas, quizais tantas coma ós "trinta e seis señores" xuntos, pero non dicía nada porque era un vello farol santiño que non quería ofender a ninguén e menos ás autoridades. Lembraba tantas cousas que, ás veces, cando a chama revivía dentro del, era coma se experimentase esta sensación: «Si, ¡eles tamén se lembran de min! Estaba, por exemplo, o mozo guapo –si, foi hai moitos anos – que veu cunha carta escrita en papel de cor rosa, moi, moi bela, e co bordo dourado, estaba moi fermosamente escrita por unha man feminina; leuna dúas veces, bicouna, e miroume co seu par de ollos que dicían "¡son o home máis feliz!" Só el e mais eu sabiámo-lo que poñía nesa primeira carta da súa amada. Tamén lembro outros dous pares de ollos, ¡é raro como saltan os pensamentos! Nesta rúa houbo un funeral grandioso: a nova e fermosa señora estaba no féretro do coche fúnebre cuberto de veludo, había tantas flores e coroas, lucían tantas fachas que eu perdíame entre elas; toda a beirarrúa estaba ateigada de xente, todos seguindo o cortexo fúnebre, pero cando se perderan as fachas de vista e mirei ó meu redor aínda quedaba un á beira do poste chorando, nunca esquecerei eses dous ollos que con tanta dor miraban o meu interior!». Así pasaban moitos pensamentos polo vello farol que esta noite alumeaba por derradeira vez. O garda cando se substitúe coñece o seu sucesor e pode dicirlle un par de palabras, mais o farol non coñecía o seu e, sen embargo, podía terlle dado algún consello sobre a choiva e as tormentas, sobre se o resplandor da lúa paseaba pola beirarrúa e en qué dirección sopraba o vento.

Sobre a táboa que cruzaba a canle estaban tres candidatos que se presentaran ó farol pensando que el sería quen designase a un para o cargo; un deles era a cabeza dun arenque e porque loce na escuridade pensaba que sempre podería supoñer un aforro no consumo de aceite se a puxesen no poste. O segundo era un fungo isqueiro que tamén brilla, e máis ca un peixe seco –iso dicía– e ademais era o último fungo isqueiro grandioso da fraga. O terceiro era un vagalume; o farol non concibía de onde podía ter vido, pero o verme estaba alí e tamén alumeaba, aínda que o fungo isqueiro e a cabeza de arenque xuraban que só lucía ás veces e por iso non podería tomarse en consideración.

O vello farol dicía que ningún deles alumeaba abondo para ser farol; pero eles non o crían, e cando souberon que non era o farol mesmo quen se encargaba de designa-lo seu sucesor dixeron que era unha grande sorte xa que estaba demasiado chocho para poder elixir.

Nese intre veu o vento desde o recuncho, soprando a través da carrapucha da cheminea do vello farol dicíndolle:

—¿Que é o que estou a oír? ¿Vaste mañá? ¿É esta a derradeira noite que te vou atopar aquí? ¡Pois, entón vouche facer un agasallo! Agora vou ventilar ben a túa caixa encefálica para que non só te lembres, con toda claridade, do que oíches e viches, senón que cando se conte ou lea algo na túa presencia esteas tan lúcido que tamén o vexas.

—¡Vaites, vaites! ¡É vostede moi amable! –dixo o farol–. ¡Moitas gracias! ¡Oxalá non me fundan!

—Iso aínda non ocorrerá –dixo o vento–, e agora ventilo a túa memoria; se che regalan máis cousas coma esta poderás ter unha vellez bastante pracenteira.

—¡Oxalá non me fundan! –repetiu o farol–, ¿ou é que tamén me podes asegura-la memoria?

—Vello farol, ¡ten sido! –díxolle o vento e logo soprou.

Nese intre saíu a lúa:

—¿Vostede que lle regala? –preguntou o vento.

—¡Eu non lle dou nada! –dixo–. Como se ve, estou minguante, e os farois nunca alumearon para min mentres que eu si alumeei para os farois –e logo a lúa volveu agocharse detrás dunha nube porque non quería que a molestasen.

Nese intre caeu na carrapucha da cheminea unha pinga de auga que parecía vir dun tellado pero dixo que era das nubes grises e tamén era un agasallo, quizais o mellor de todos.

—Métome dentro de ti para que téña-la capacidade, nunha soa noite cando ti o desexes, de converterte en ferruxe, pandear e convertéreste en po.

Mais o farol considerou este un agasallo miserable, e o vento estaba de acordo con el.

—¿Non hai ningún mellor?, ¿non hai ningún mellor? –sopraba tan forte como podía.

Daquela caeu unha estrela fugaz brillante, deixando unha longa esteira de luz.

—¿Que foi iso? –berrou a cabeza de arenque–. ¿Non acaba de caer unha estrela? ¡Creo que entrou no farol! Ben, ¡se hai aspirantes de rango tan elevado para o cargo, nós xa podemos ila rañar!

E así o fixo, e os outros dous con el; pero o vello farol de súpeto alumeou cunha intensidade marabillosa:

—¡Este é un agasallo ben bo! –dixo–. As estrelas claras que sempre me deleitaron tanto e que brillan tan fermosamente como eu nunca puiden brillar, en realidade, aínda que era toda a miña ambición e aspiración, repararon en min, un vello farol, e enviáronme unha cun agasallo que consiste na habilidade de que ¡todo o que eu lembro e vexo con gran claridade tamén ha ser visto polos que eu amo! e non é ata ese intre cando a ledicia é verdadeira, porque cando un non pode comparti-la felicidade con outros redúcese á metade.

—¡Esa é unha idea asisada! –dixo o vento–, pero ó mellor non sabes que cómpre unha candea de cera. Se non se acende unha candea dentro de ti, ninguén verá nada á túa luz. As estrelas non pensaron niso, cren que todo o que brilla ten polo menos unha candea dentro. Mais agora estou canso –continuou o vento–, ¡voume deitar! –e deitouse.

Ó día seguinte –como o día seguinte podemos saltalo, diremos mellor– a noite seguinte, o farol estaba nunha cadeira de brazos, e ¿onde? Na casa do vello sereno. Este pedíralle ós "trinta e seis señores" que, polos numerosos anos de fiel servicio, lle deixasen o vello farol, os tales riron del cando llelo pediu e logo déronllo, e agora o farol estaba na cadeira de brazos preto da cálida estufa, e era como se tivese medrado por estar alí; ocupaba case toda a cadeira de brazos. Os vellos estaban a cear na mesa e botando olladas tenras cara o vella farol ó que lles gustasría facerlle sitio na mesa con eles. Certamente vivían nun rocho, dous brazos baixo o nivel do chan; había que pasar por unha antesala empedrada para chegar ó cuarto de estar, pero estábase quentiño porque había reberetes de tea na porta, estaba todo limpo e bonito; cortinas ó redor da cama e nas pequenas fiestras, que tiñan nos seus peitorís dous testos moi peculiares; o mariñeiro Christian trouxéraos das Indias Orientais, ou mesmo Occidentais, eran de cerámica e tiñan forma de dous elefantes ós que lles faltaban os lombos, no seu lugar brotaban da terra que se lles botara dentro, nun os ceboliños máis saborosos –era a horta dos vellos– e noutro un xeranio enorme en flor –era o seu xardín de flores–. Na parede había un cadro grande e de cores do Congreso de Viena, ¡alí estaban tódolos reis e emperadores a un tempo! Un reloxo de pé ó estilo de Bornholm con pesados chumbos marcaba o tempo "¡tic! ¡tac!" e sempre adiantaba, pero era mellor ca que atrasase, dicían os vellos. Eles estaban ceando e o vello farol, como xa dixemos, estaba na cadeira de brazos cabo da cálida estufa. Ó farol semelláballe que todo o mundo se trastornara. Pero cando o vello sereno miraba para el e falaba das experiencias que os dous tiveran xuntos, baixo a choiva e as tormentas, e nas noites de verán claras e curtas, durante as xistras cando se entraba con gusto no rocho, entón todo volvía estar en orde para o vello farol, víao como se aínda ocorrese todo iso, pois, o vento verdadeiramente avivara a luz no seu interior.

Os vellos eran moi traballadores e moi amables, non perdían nin unha hora descansando; os domingos pola tarde sacaban algún libro –sobre todo de viaxes–, e o vello lía en voz alta sobre África, as grandes fragas e os elefantes salvaxes, e a vella muller escoitaba con moita atención e ollaba de través ós elefantes de cerámica, que eran testos. «Case o imaxino», dicía. E o farol desexaba de todo corazón que houbese unha candea de cera para acender e introducirse nel e que realmente o vise todo como o vía o farol, as altas árbores, as pólas mestas que se apreixaban, a xente negra e espida montada a cabalo e hordas de elefantes que cos seus largos pés esmagaban canas e arbustos.

«¿De que serve todo o meu talento se non hai candeas?», suspiraba a farol. «Só teñen aceite de balea e candeas de sebo, ¡e non é suficiente!»

Un día trouxeron todo o feixe de restos de candeas de cera ó rocho, queimaron as máis grandes, e a vella cando cosía usaba o resto para enfia-lo fío; había candeas de cera, pero non se lles ocorreu meter nin unha pequena no farol.

«¡Aquí estou eu cos meus talentos particulares!», dixo para si o farol, «téñoo todo dentro de min, mais non o podo compartir con eles. Non saben que eu podo transforma-las paredes brancas na tapicería máis marabillosa, en fragas mestas, en todo o que eles desexen. ¡Non o saben!»

Por certo, o farol estaba fregado e enfeitado nun recuncho onde sempre estaba visible; ben é verdade que a xente dicía que era un armatoste, pero os vellos non facían caso, eles tíñanlle cariño.

Un día, cando o vello estaba de aniversario, a súa muller achegouse ó farol, sorriu un pouco e dixo:

—¡Vou alumear para el! –e a carrapucha de folla de lata do farol renxeu porque pensou: «¡agora vén a luz!» pero botáranlle aceite de balea en vez de poñerlle unha candea de cera, estivo ardendo toda a noite mais agora sabía que o agasallo que lle ofreceran as estrelas –o mellor de todos – sería un tesouro inútil para esta vida. Entón o farol empezou a soñar –e con semellantes talentos ben que se pode soñar– que os vellos morreran e que el mesmo caera nas mans dun fundidor de ferro para a súa fundición. Sentía tanto pavor coma cando ía á sala do concello para ser inspeccionado polos "trinta e seis señores", pero aínda que posuía a capacidade de pandear e converterse en po cando quixese non o facía, logo soñou que o metían no forno e convertíase nun fermoso candeeiro no que alguén poñería unha candea de cera; tiña a forma dun anxo cun ramo de flores e no seu centro puxeron unha candea, e o candeeiro colocárono nun escritorio verde nun cuarto moi acolledor, no que había moitos libros e fermosos cadros; era a casa dun poeta e todo o que el pensaba e escribía visualizábase no cuarto, que se convertía en mestas e escuras fragas, prados soleados onde fachendeaba a cegoña e a cuberta dun barco despuntándose alto por riba das ondas.

—¡Que talentos teño! –dicía o vello farol ó espertar–. Case ansío ser fundido. Aínda que non, isto non debe ocorrer mentres vivan os vellos. Quérenme por quen son. Son como un fillo para eles e fregáronme e botáronme aceite e estou tan ben como o "congreso" que é algo moi distinguido.

E desde ese intre sentía máis paz interior, que ben o merecía o vello farol santiño.


Text view